13.7.09


Enmudecín.
Como si afogando as palabras silenciase os sentimentos.

Hoxe rebeláronse.
Nas sabas miles de números ordeaban o teu teléfono.
No cóbado o teu nome.
No baño, a auga acaricioume como un día o fixeron os teus beizos.
No armario, presidindo, o vestido azul que un día tiven que arreglar porque me ía grande e que agora non me sirve. O que hai moito agochei para evitar a nostalxia.
O café da mañá recordándome os almorzos que case nunca tivemos porque sempre íamos co tempo xusto.
E na porta, onde as chaves, a túa foto. Aquela que fixeches un día de mozo, aínda non nos coñecíamos, e que tanto me gustaba. Sorríasme como se o tempo non pasase.

Todo o invadía a túa ausencia. A casa, o coche, as rúas...eu.

Por iso decidín escribir de novo. Porque, contrariamente ó que pensaba, non te desdibuxas no silencio....

7 puntadas:

Aldabra dijo...

o silencio sentouche ben porque escribiches un poema redondo, espero que todo o que contas non sexa verdade, aínda que pode que sí... vaia, non sei que dicirche por eso falo de literatura... o poema e fermoso, e cheo de sentimento...

biquiños,

Albino dijo...

Non te coñecia e atopeite no blog de Aldabra que me precede no comentario.
O teu poema ten moita sensibilidade e ao mellor un pouco de autobiografía. Todos os escritores acabamos metendo ideas propias nos nosos persoaxes.
Sexa o que sexa, estarei para lerte. E se pasas polo meu blog, deixame unhas palabriñas e o teu logotipo no panel de favoritos.
Unha aperta ou mellor un bico

fonsilleda dijo...

Gustoume moitísimo o recordo desa ausencia, xa abondaba dese estúpido silencio
Os sentimos fixeron ben. Nada esvaece si non queremos.
Fermoso.
Bicos

Chousa da Alcandra dijo...

As ausencias invasivas acaban por colonizar os pensamentos e, ainda que arrinquen poemas fermososos, provocan dores que nas farmacias non teñen maneira de paliar...

Bicos

fonsilleda dijo...

Fermoso poema de ausencia. Desexo, que no sexa verdade, pero si o é, só o tempo cura.
De calquer maneira andar pola túa casa é un pracer. E os recordos non teñen porque esvaecer. No é nin preciso, nin siquera bo.
Bicos

L. Celeiro dijo...

O silencio dos sentimentos escritos, a nostalxia do perdido e do pasado. O percorrer da tinta polo folio en branco, desdibuxando a súa claridade con sentimentos recollidos en palabras de profundo significado.

Amiga... es poeta.

Gustoume moito este poema, sigo a leer o teu bloge, contento de atopar escritos neste idioma, o noso.

ceroocho dijo...

El gallego es precioso, creo que lo he entendido todo. Muy bueno, me encanta el gallego, algún día lo aprederé....

un "bico"