Buscando

20.12.08


Será o noso secreto- quería dicir- tesme que axudar a construirme de novo- pensei-

Disfracei a petición de consello profesional. Fixen.


Custoume pronunciar as palabras que che calman, porque unha pequena dose apenas fai efecto.

Esa menciña que atopaches logo seguro que che vai mellor.


Poñerme enfrente miña para ver si os meus ollos che din o que ocultan as miñas palabras. Pensei cando me preguntaches que quería. 

Café solo. Respostei. 

Conto de nadal

18.12.08


Tiña moitos moitos anos, pero non era vella.

Había xa tempo que os seus fillos deixaran de querela, apenas siquera a apreciaban.

Moitos negaban esa maldita enfermidade que a estaba condenando.

A chuvia xa non caía acariciando o seu corpo, afogando a súa sede...non...agora anegaba as súas roupas, fería a súa pel, furiosa, protestando...

Os cans que gardaban a casa xa non oubeavan co trono. Oubeavan seguido. O medo nos seus ollos.

Xa non había que ter conta das galiñas polas noites. Extinguíranse os zorros.

As flores de cedo había tempo que non asistían ó baile de primavera. Xa non había. E as árbores da horta deixábanlle as súas follas a decembro...tampouco había outono. Só veráns infinitos e invernos eternos.

Loitaba, pero as chagas cada vez eran máis grandes e extendíanse a outros lugares. Os buratos empezaron na Antártida, e foron extendéndose pola súa pel.

Aínda así, resistíase a perder a guerra. Por máis que tivera perdido tódalas batallas que librara.

Deixaría na batalla a última árbore, o último elefante, tódolos mares si era necesario. Pero a Terra non podía perder a guerra.

Shshshssssssssssss...

13.12.08

Sshssssssshsss...non fagades ruido...aínda durme...

Non podo deixar de miralo. Así, durmindo, recórdame a aquela fin de semana en Soria, cando lle deu a tolería e o venres, ó sair de traballar, veume buscar e tirou para o lado contrario da casa... e non quixo dicirme a onde iamos ata que chegamos.


Unha casiña pequena, moi acolledora, cuns caseiros xa velliños que nos fixeron as mellores filloas que teña comido na miña vida. Na cama, catro cobertores para atallar o frío do inverno. No primeiro caixón da mesiña, unhas velas por si se ía a luz co trono.


Shshssssssss...durme...durme...

...váiseme a cabeza...igual que se ían voando as folerpas de neve aquel fin de semana...ese vento tolo non lles deixaba gozar o vals, ese que bailan mentras acougan...lenes...no chan...

...así, abrazada a él, gosto de soñar...ou de recordar...

...e todo para non ver...

para non ver as reixas invisibles que pechan as ventás da casa....

para non ver a blusa blanca que me facía un bo escote, esa que tanto lle gustaba ata que deixou de gustarlle...

para non ver que me fun facendo pequeniña co paso do tempo...ata non ser ninguén...

para non ver...que xa olvidei o número do móvil que tiven ata un día desapareceu, na casa. Ten razón él, debeu de roubarmo alguén...

para non ver...que un día deixei de desexar traer un fillo a este mundo...

para non ver que non se necesita un arma para matar...é suficiente a palabra.



shshshssssss...non fagades ruído...non espertedes ó monstruo...

Pecando...

6.12.08



Ira cando lle dedica aínda que só sexa un segundo á rubia de bote. Porque a vanidade péchalle ós ollos.

Gula porque bebería ata anegarme só por compartir con él ese tinto que tanto lle gusta.

Envexa do seu pasado sen min. Porque non fun eu quen lle mercou a camisa de cuadros azuis. Pero foi alguén.

Preguiza de que saia de min porque quero vivir na éxtase permanente.

Soberbia porque ninguén mellor ca min. Para amalo e tamén para odialo.

Luxuria porque unha e outra vez arrinco cos dentes os botóns da camisa de cuadros azuis.

Avaricia porque merquei todos os pintalabios do mercado porque só eu me pinto para él.


Pecados ou loucura?

Documento de compromiso

3.12.08



Documento de compromiso.

Inventarei unha patria.

Coserei unha bandeira.

Non haberá monarquía, pero eu serei a túa raíña.

As normas aprobaranse por maioría. 2 votos é unanimidade.

Haberá sempre froita madura para que ti a comas.

Como ceo, sabas de liño.

Asina.

SUPR

2.12.08


Quixen pintar a túa sonrisa e perdinme nela.

Intentei debuxar as liñas da túa man e acabei paseando por elas.

Saquei o chisqueiro para darche lume e diluínme no fume do teu pitillo.
Quixen que foses meu e acabaches posuíndonme nun segundo eterno.

Respiraba só para ulir o teu perfume.

Quixen borralo todo. Pero a tecla SUPR borrouse do teclado.

Aínda que non queiras

1.12.08


Aínda que non queiras reflíctese na túa mirada.

Aínda que pretendas ocultalo vereino nos teus acenos.

Sen que te decates, cóntano as túas palabras.

Sobre todo cando sin querer pero adrede rozas coa túa pel a miña pel...

Sin alma

28.11.08


Vacieime de ti.

E quedei sin alma.
E quedei sin min.

Pechado con chave

27.11.08


Un día, hai moitos días, descubrín a porta da muralla na que se agochaba.
Collín a chave e pechei por dentro.

Dentro había un mundo. Con mar. A súa beira paseabamos polas estrelas.

Hoxe só hai un valado, baixiño. Non ten porta. Nin chave. Pero eu non podo saltalo.

A caixa dos abrazos

25.11.08



Hai moito tempo regaláronme unha caixa chea de lápices de cores. Hoxe decidín abrila.


No seu interior había lapiceiros. Pero ademáis atopei un montón de cousas que xa non recordaba posuír.


Atopei un papel pintado con extrañas liñas que semellaban un circuito. Tamén o meu primeiro móbil. E un libro de Benedetti. Con dedicatoria.

Había tamén apuntes, os conceptos borrados polo paso do tempo. Estaban escritos con bolígrafo de cor violeta. Durante moito tempo esa foi a miña cor preferida.

E un tique de autobús de liña regular. Grapado, un billete de tren. O mesmo destino.


Ata un paquete de tabaco vacío, da marca que fumaba daquela, cun teléfono apuntado. O número marcado xa non existe. Vaia, é un bonito número. Déixame unha estrana sensación de intimidade. Mágoa non recordar a quen pertence.

Ó fondo, unha folla de libreta doblada imitando un sobre. Cunhas letras, para cando necesites un abrazo. Dentro, fío de cores.